Wednesday 08 de May de 2024

As familias carballesas depositaron no primeiro semestre 165.020 quilos de bio-residuos nos contedores marróns


O Concello de Carballo conta con 2.303 colaboradores, entre familias e grandes produtores, nos programas de compostaxe. Únete a eles!

As familias e os grandes produtores que participan no programa “Ti tes a chave” depositaron no primeiro semestre deste ano 165.020 quilos de residuos orgánicos nos colectores de cor marrón que temos espallados por toda a zona urbana. Dende a posta en marcha do servizo de recollida selectiva, en xullo do ano 2020, dende Carballo enviamos á planta de compostaxe de Sogama un total de 658.620 quilos de bio-residuos.

Dende o Concello de Carballo queremos agradecer, unha vez máis, a colaboración das 1.472 familias e dos 115 grandes produtores que xa están comprometidas coa xestión sostible dos residuos orgánicos, e convidamos ás persoas e ás empresas que aínda non participades no programa a que vos sumedes, porque todas e todos podemos reducir os residuos e fomentar a compostaxe.

Se vives na zona urbana podes solicitar a túa chave para abrir os colectores marróns. Só tes que achegarte de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ata o local de Carballo Limpo, situado nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34. Entregarémosche un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitarche a separación dos restos orgánicos no teu fogar, tres atados de bolsas compostables que poderás repoñer cando se che acaben (lembra que caducan), un tríptico informativo e, por suposto, a chave. E todo de balde!

E se vives en calquera das nosas parroquias e dispós dun terreo de 50 metros cadrados, como mínimo, podes participar no programa de compostaxe doméstica e aproveitar directamente o compost para a túa horta, como xa están facendo 716 familias carballesas. Descarga a solicitude que atoparás máis abaixo e preséntaa unha vez cuberta no Rexistro Municipal (telematicamente ou de maneira presencial, con cita previa no 981704100). Entregarémosche un composteiro individual de 390 litros de capacidade, fabricado con materiais reciclados e reciclables, e un aireador, e se nalgún momento precisas material estruturante podes recollelo xunto ao Punto Limpo do polígono de Bértoa. Todo, tamén, de balde.

Dende o Concello de Carballo apostamos pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos e queremos animarte a que apostes ti tamén por un sistema que contribúe á redución das emisións de dióxido de carbono, garante un fertilizante de calidade e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que a tarifa que se paga a Sogama polo tratamento da quinta fracción é inferior á que se debe abonar pola bolsa negra xenérica.